Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

“Nordesía” escribe o primeiro capítulo dun intercambio artístico entre os concellos de Carballo e Ribadeo

Trece creadores vinculados á Mariña expoñen estes días as súas obras no Pazo da Cultura, e xa se está a preparar a visita de artistas carballeses á comarca luguesa

Sábado 27 de maio do 2017 Cultura

“Toda concellaría de cultura que se prece ten que ter como un dos seus obxectivos fundamentais a promoción da actividade creadora do municipio ao que representa”. A frase é de Farruco Graña, concelleiro de Cultura de Ribadeo, pero ben podería tela dito o seu homólogo carballés, Marcos Rodríguez, porque a coincidencia ideolóxica é plena. E ademais veu moi a conto na inauguración da exposición “Nordesía”, porque as 19 obras plásticas que a integran son froito da creatividade de 13 artistas da Mariña Luguesa ou vinculados a ela, aos que poderemos coñecer moito mellor ata o 11 de xuño a través das pezas que poden verse a diario na sala do 3º andar do Pazo da Cultura.

“A idea é que o feixe de turistas que pasan por Ribadeo teñan oportunidade de coñecer a actividade creadora de Carballo, e que a xente de Ribadeo e da comarca da Mariña tamén poida darse a coñecer aquí”.

Con “Nordesía” comeza a escribirse, ademais, a historia dun intercambio artístico entre os dous concellos, porque do mesmo xeito que son artistas ribadenses os que amosan aquí a súa obra, artistas carballeses están a preparar xa, como anunciou Marcos Trigo no acto de inauguración, a exposición que levarán ao concello da costa luguesa. “A idea é que o feixe de turistas que pasan por Ribadeo teñan oportunidade de coñecer a actividade creadora de Carballo, e que a xente de Ribadeo e da comarca da Mariña tamén poida darse a coñecer aquí”, engadiu Farruco Graña, por certo, carballés de nacemento aínda que residente en Ribadeo.

“Nordesía” mestura a experiencia de artistas como Daniel Caxigueiro ou Celso Dourado coa mocidade de xente como David Rivas ou Joseba Muruzábal, ao que teremos estes días en Carballo por partida dobre. Por unha banda, cos dous grandes e realistas lenzos que expón no Pazo da Cultura, e por outra, como comentou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que tamén participou no acto inaugural, porque é un dos nove artistas que participará no Rexenera Fest a partir do luns 29. A súa achega, avanzou Regueira, terá algo que ver coas patacas... Toca agardar a ver con que nos sorprende.



Galería

Compartir: