Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

As mulleres creadoras toman o Carballo Interplay

Os Chévere desvelarán o seu Código Fonte Audiovisual e os Porco Bravú estrearán a webserie Peter Brandon

Venres 5 de maio do 2017 Cultura

Despois do acto inaugural de onte, no que Evencio Ferrero pediu "mil primaveras máis para o Interplay", as mulleres creadoras de contidos para Internet tomaron pola mañá o IV festival de contidos dixitais Carballo Interplay. Nun auditorio ateigado, hoxe estiveron no Fórum varias das youtubers que están poñendo patas para arriba a Internet no Estado español, como Isa Calderón, polémica autora do vídeo "Con la Biblia no fomentaremos la igualdad entre hombres y mujeres" que lle valeu hai uns días o despido fulminante de El Español; a anti-youtuber basca Soy una pringada, que con máis de 80.000 suscritores e suscritoras xa deu o salto á cultura mainstream, sacando da súa zona de confort a presentadores tan populares e amantes da polémica como Mercedes Milá ou Risto Mejide, e a guionista e comediante coruñesa Carolina Iglesias, aka Percebes y grelos, colaboradora habitual de Los 40 principales e VodafoneYu.

Internet pode ser, tamén, unha ponte pola que saltar a traballar na televisión. E diso falará, ás 19h, Rubén Ontiveros, pioneiro das webseries españolas, nunha master class sobre o Humor na rede, na que fará un percorrido polos diferentes formatos da comedia e analizará as posibilidades que dá Youtube de experimentar co humor. Ontiveros foi o creador de Que Vida Más Triste, a primeira webserie do Estado e traballou como guionista de programas como Vaya Semanita, Homo Zapping ou La Hora de José Mota.

Despois, ás 20h30, os Chévere celebrarán o seu 30º aniversario repasando a súa historia a través do seu Código Fonte Audiovisual, achegando ao público do Interplay os vídeos que inspiraron as súas obras teatrais. A noite rematará coa estra mundial de Peter Brandon, un falso documental que amosa a vida do popular cómico Pedro Brandariz fóra dos escenarios e, no camiño, satiriza o sector audiovisual galego coa complicidade de caras coñecidas como Xosé Antonio Touriñán, Evaristo Calvo, María Tasende, David Amor ou Isabel Risco, entre moitos outros.

A tarde comezará coa proxección dunha selección das webseries que participan na sección oficial. Serán as españolas El show de Teresa Cuesta, Caniville, Carlinos. La webserie, Cómo dejar los porros, Judge Dredge e Beto e as internacionais Amy Street, Si me volviera a enamorar, 5 baksi.net, Dang it to heck!, Dyscolcalipse e Psicóticas Inseguras. Todas as actividades do Carballo Interplay son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

PROGRAMA DE TARDE

Auditorio do Pazo da Cultura
16:00 Webseries sección oficial. NACIONAL 1: El show de Teresa Cuesta, Caniville, Carlinos. La webserie, Cómo dejar los porros, Judge Dredge e Beto.
17:30 Webseries sección oficial. INTERNACIONAL 2: Amy Street, Si me volviera a enamorar, 5 baksi.net, Dang it to heck!, Dyscolcalipse e Psicóticas Inseguras.
19:00. Humor na rede: master class con Rubén Ontiveros.
20:30. Código Fonte Audiovisual de Chévere.
22.30. Estrea mundial de Peter Brandon.
Para as crianzas: Taller Stopmotion (con Illa Bufarda).

Compartir: