Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Comeza o IV Carballo Interplay

A cuarta edición do festival de contidos dixitais arrinca mañá coa estrea da longametraxe "Fogueo", de David Saínz, como prato forte

Mércores 3 de maio do 2017 Cultura

O Pazo da Cultura de Carballo acolle mañá xoves, día 4, ás catro da tarde, a apertura da cuarta edición do festival de contidos dixitais Carballo Interplay. O xurado da sección oficial do concurso de webseries -composto polo guionista Rubén Ontiveros, a creadora de contidos Isa Calderón, o director Javi Camino e os representantes das asociacións galegas de guionistas, Javier Trigales, e de realizadores e realizadoras, Giselle Llanio- será o encargado de dar comezo aos tres días de actividades que converterán a vila galega na capital global da cultura dixital.

O prato forte da primeira xornada será a estrea de Fogueo, a longametraxe coa que David Sainz -creador das webseries “Malviviendo” e “Entertainment”- conta a historia duns perdedores que só teñen unha opción para levar a cabo o seu soño: facelo eles mesmos. Un pouco o que pasou tamén detrás da cámara, xa que Fogueo é unha "toleada" gravada en 5 días, grazas a numerosos compañeiros que se deixaron seducir pola idea. Despois da proxección, o público asistente poderá falar do filme con David Saínz e Teresa Segura, padriños do Carballo Interplay.

Antes, ás 19h, catro proxectos de webserie competirán nun pitching público polo beneplácito do xurado do premio ao mellor proxecto de webserie en galego, composto por Mafalda González-Alegre, de Flooxer; David Sainz, da produtora Diffferent Entertanment; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica de Carballo, e Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay.

Os catro proxectos finalistas son o drama existencialista Albedrío, creado por J.S. Raimundi e Álex Vázquez e protagonizado por Melania Cruz e Tito Asorey; a comedia de situación Efectos Secundarios, creada e protagonizada por Pablo Cobos e Paula Ballesteros-Arias; a comedia con pequenas tinturas dramáticas Hai vida en Bran, creada e protagonizada por Ángela Andrada, que se acompaña por un nutrido grupo de personaxes que rompen estereotipos; e máis a comedia fantástica Megamadriñas, que mestura o mellor da épica dos superheroes co máis enxebre do rural galego, baixo a batuta de Antón Coucheiro, Paulo Rubal e Joseba Muruzábal. A webserie gañadora recibirá un premio de 1.500 euros para gravar os 3 primeiros capítulos.

Todas as actividades do Carballo Interplay son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo

O Auditorio do Pazo acollerá tamén as proxeccións dalgunhas das 35 webseries de todo o mundo que participan na sección oficial do Festival. Ás 18h proxectaranse as webseries en galego: Antolepsia, Galicia Crime, As Aventuras de Po, Dalle Jas e Teño unha horta en San Sadurniño. E ás 16h30, haberá un menú degustación con webseries de Alemania, Arxentina, Reino Unido, Nova Zelanda e Israel.

O Carballo Interplay convertese así, un ano máis, nunha magnífica oportunidade para coñecer o que se está cocendo no mundo das webseries a nivel global. Como vén sendo habitual nas últimas edicións, o humor terá unha presenza abafadora, pero as temáticas son moi variadas: ciencia ficcción, horror, aventura, sátira política... Tamén haberá oco para o drama, o documental e o thriller. E, por suposto, un amplo abano de mesturas e experimentos formais e conceptuais, tan propios do sector máis atrevido e imaxinativo do audiovisual contemporáneo.

Vídeos

Compartir: