Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

A Biblioteca Rego da Balsa celebra a súa propia semana do libro con presentacións de autores e autoras da zona

O malpicán Xelucho Abella e os carballeses Fernando Cabeza e Rosalía Fernández Rial darán a coñecer as súas obras

Luns 17 de abril do 2017

Este mércores (Pazo da Cultura, 11 horas) presentaremos o programa da Semana do Libro e a Lectura, que se desenvolverá do 24 ao 28 deste mes no Pazo da Cultura, en colaboración, un ano máis, coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Pero ademais desta iniciativa, xa consolidada e que inclúe diferentes actividades orientadas sobre todo ao público infantil, este ano temos outra semana dedicada ao libro e á lectura para adultos/as na Biblioteca Rego da Balsa, con catro presentacións literarias.

A primeira será mañá martes. O malpicán Xelucho Abella estará na biblioteca ás 19.30 horas para falar de Fuxiron por mar, un libro no que recolle as historias de “Ciudad de Montevideo”, “San Adrián” e “Rocío”, tres motoras da vila malpicá que fuxiron para Francia durante a Guerra Civil cun total de 66 homes a bordo, e que na súa dura travesía tiveron que enfrontarse a temibles galernas ata arribaren á Bretaña francesa.

O mércores será a quenda do lugués Manuel Núñez Singala, o autor convidado a esta semana literaria, que presentará Sacar a lingua é de mala educación, un interesante volume no que, de maneira sinxela e clara, expón os motivos polos que todos os habitantes de Galicia deberían ser competentes nas e oficiais da comunidade e aproveitar esa destreza como trampolín para adquirir outras o antes posible. Será tamén ás 19.30 horas.

O venres 21 coñeceremos os misterios que garda Proyecto Exitium Z, o libro do autor carballés Fernando Cabeza, ao que teremos na Biblioteca Rego da Balsa a partir das 20 horas. O protagonista da súa obra é Juan, un mozo carballés que se converte en testemuño de como a liberación dun virus desencadea unha pandemia mundial e supón unha seria ameaza para o planeta.

E para pechar a semana do libro contaremos con outra carballesa, Rosalía Fernández Rial, que visitará a biblioteca o sábado á 12 horas para presentar Aulas sen paredes, un estudo teórico-práctico derivado da súa tese doutoral sobre o uso da expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para as aulas de linguas.

Todas as presentacións son abertas.

Compartir: