Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Once comparsas e sete carrozas con preto de 500 integrantes desfilarán polas rúas de Carballo no tradicional concurso de Entroido

Os participantes individuais, grupos e choqueiros poden inscribirse o mesmo domingo a partir das 16 horas

Venres 24 de febreiro do 2017

O tradicional Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas, unha das actividades máis representativas do Entroido carballés, reunirá este domingo a centos de participantes. Só entre comparsas e carrozas, as únicas categorías para as que está pechado xa o prazo de inscrición, serán case 500. Os participantes individuais, grupos e aspirantes ao premio especial Choqueiro de Bergantiños poderán anotarse o mesmo domingo, de 16 a 17 horas, na entrada da Casa do Concello.

Peter Punk converterase nunha atracción máis da tarde do domingo

Peter Punk converterase nunha atracción máis da tarde do domingo

Na praza xa está todo preparado para un dos días grandes do Entroido carballés, que empezará xa ás 17 horas coa animación da Charanga Ruada polas rúas da vila. Unha hora máis tarde arrancará o desfile e concurso, que este ano será presentado por Peter Punk, considerado un dos mellores pallasos galegos do momento. Cunha traxectoria de máis dun milleiro de funcións realizadas por todo o mundo e numerosos premios que acreditan a súa calidade artística. Sen dúbida, converterase nun atractivo máis da tarde do domingo.

O concurso está dirixido tanto a adultos coma a nenos, e contempla diferentes modalidades de participación: individual, grupos, comparsas e carrozas, así como un premio especial ao Choqueiro de Bergantiños (participante que pode estar inscrito en calquera das categorías). Unha vez rematado o primeiro prazo de inscrición, o total de anotados para participar na edición deste ano ascende a 7 carrozas e 11 comparsas (7 na categoría de adultos e 4 na infantil). Os participantes proceden de toda a provincia: Arteixo, A Coruña, Camariñas, Negreira, Carral, Cambre, Santiago, A Laracha, Coristanco, Zas, A Baña e, por suposto, Carballo, unha clara mostra de que o certame ten unha trascendencia que vai moito máis aló do municipio e da comarca.

Máis de 8.500 euros en premios

Un dos motivos pode ser a dotación económica dos premios, que este ano supera os 8.500 euros. Dado que un dos obxectivos principais do concurso é incentivar a participación,  case 4.000 € destínanse a gratificacións por participar de 125, 150 ou 250 € (aos 20 primeiros inscritos nas modalidades de carrozas ou comparsas que cumpran cos requisitos de participación  e reúnan unha calidade mínima). Os 14 premios previstos nas diferentes modalidades están dotados con máis de 3.500 euros (o 2º de carrozas pasa de 295 a 400 euros e o 2º de comparsas, de 200 a 250, por exemplo).

O xurado que terá a difícil tarefa de avaliar aos participantes estará presidido polo concelleiro de Cultura e, ademais do presentador do acto, forman parte del representantes de varias entidades culturais de Carballo. O escenario está situado no centro da Rúa Colón, onde as carrozas e comparsas poderán realizar unha interpretación musical, coreográfica ou escénica cunha duración máxima de 2 minutos.

Este ano haberá algún cambio no percorrido do desfile debido ás obras na rúa Desiderio Varela. Para velar pola seguridade de participantes e espectadores, o Concello de Carballo fai especial fincapé na importancia de respectar as recomendacións dos servizos de emerxencias. A Policía Local de Carballo e o Servizo Municipal e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil serán os encargados de velar pola seguridade. Tamén colaboran para que todo se desenvolva correctamente a Brigada Municipal de Obras, o servizo de limpeza viaria AspaberUte e a concesionaria do alumeado público Ferroser – Ferrovial.

Unha vez rematado o desfile será a quenda do baile de disfraces, patrocinado pola concellería de Terceira Idade, coa orquestra Trébol, orquestra vinculada a Carballo xa que varios dos seus membros son da nosa vila. No transcurso do baile realizarase e a entrega de premios.

Compartir: