Xornada cultural da Escola Oficial de Idiomas
Venres 24 de marzo do 2023 Mañá e tarde - Pazo da Cultura
O profesorado da Escola de Idiomas de Carballo organiza a tradicional Xornada Cultural o venres 24 de marzo. Coma en edicións anteriores, ofrécese ao alumnado do centro a posibilidade de participar en distintas actividades lúdicas de aprendizaxe nos idiomas alemán, francés e inglés: desde un obradoiro de cociña e unha visita guiada ao arte mural da capital bergantiñá a un café literario, experiencias de escape rooms, unha sesión de palm reading...
Este ano, ademais, contan coa colaboración de dúas especialistas: Xiao Hong, que se encargará de impartir unha clase de ioga en inglés, e Helena Varela Castro, experta en formación sobre primeiros auxilios, que compartirá os seus coñecementos en francés.
Tamén haberá a clásica merenda internacional, actividade gastro-cultural na que cada docente elabora un doce ou prato do país cuxa lingua ensina para que o alumnado cate a pracer; ademais, as receitas estarán á súa disposición xunto a cada manxar, sempre na lingua correspondente, é dicir, alemán, francés ou inglés.