Exposición do 13º Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado
Do martes 11 de setembro ata o martes 2 de outubro do 2018 17.00 a 21.00 horas - Pazo da Cultura
O Premio Luis Ksado, promovido pola Deputación Provincial da Coruña, non só é un premio de fotografía. A proposta vai máis alá, xa que supón unha aposta pola fotografía máis próxima, o documentalismo, o foto-xornalismo... En definitiva, por unha serie de imaxes que contan unha historia e amosan a capacidade narrativa e de comunicación da linguaxe fotográfica. Despois de 13 edicións, estamos ante un dos certames de referencia no eido da fotografía, e nas vindeiras semanas teremos a oportunidade de deleitarnos coas imaxes seleccionadas en Carballo.
Desde o 11 de setembro ata o 2 de outubro poderemos desfrutar no 3º andar do Pazo da Cultura de Mascaritas, o entroido solitario, de Xoán Crespo, autor galardoado nesta 13ª edición por unha colección que na que ofrece unha visión moi particular e orixinal do entroido galego. A súa obra foi escollida entre as 95 coleccións presentadas, o que reflicte o prestixio do premio.