Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

Nadalcamps, a proposta de actividades de conciliación durante o Nadal para familias con fillos e fillas de todas as idades

O programa Concilia, Xogamos no mercado, Campus xuvenil e Campus tecnolóxico manterán moi ocupada á rapazada durante as vacacións

Mércores 4 de decembro do 2024

Este Nadal imos ter á rapazada moi ocupada. Á parte do amplísimo programa de actividades culturais e de ocio que temos en marcha, durante a época vacacional poremos en marcha diferentes actividades encamiñadas a facilitar a conciliación das familias: os Nadalcamps, promovidos desde as concellarías de Servizos Sociais e Igualdade, Mocidade e Innovación, Formación e Emprego.

Un dos recursos permanentes é o programa Concilia, que en períodos vacacionais sae dos centros escolares pero séguese prestando nas instalacións da empresa responsable do servizo. Os escolares de tres a doce anos que o utilizan durante todo o curso terán preferencia na adxudicación de prazas, pero este ano, por primeira vez, abrirase tamén a outras familias sempre que queden prazas dispoñibles. O horario é moi amplo, xa que non varía con respecto aos períodos lectivos. Deste xeito, os nenos e nenas poderán utilizar o servizo desde as 07.00 ata as 14.30 horas. O prezo do servizo está establecido na ordenanza reguladora do mesmo.

As familias interesadas poden descargar o impreso ao final desta nova e presentalo por Rexistro ou ben acudir ao CIM (edificio de Servizos Sociais). O prazo está aberto ata o día 13 de decembro. Máis información nos teléfonos 981 700 688 ou 638 123 460

Para os nenos e nenas de tres a doce anos este ano organizamos Xogamos no mercado, un campamento que se desenvolverá na planta alta do mercado municipal os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro de 2024 e 2 e 3 de xaneiro de 2025, cun horario de 10.00 a 14.00. Ao longo desas dúas semanas, a rapazada participará en obradoiros de cociña e manualidades, xogos e outras actividades. Este ano ampliamos o número de prazas ata 100, divididas en quendas semanais de 50. As familias terán que indicar na inscrición a quenda preferente, pero, sempre que queden prazas, os nenos e nenas poderán participar nas dúas. As inscricións son de balde e poderán realizarse do 9 ao 16 de decembro a través do formulario dispoñible máis abaixo.

Para o Campus xuvenil, que se celebrará nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, o sistema é o mesmo, tanto no que se refire a datas coma a horario ou quendas. O único que varía é o número de prazas, que son 20, e o público destinatario, que son adolescentes de 12 a 16 anos. Ao longo das vacacións, os/as participantes realizarán xincanas, xogos deportivos e cooperativos, obradoiros de cociña, creativos, de cosmética, de téxtil... adaptados ás súas idades. Prazo aberto do 9 ao 16 de decembro cubrindo o formulario que atoparedes máis abaixo.

E este ano temos aínda unha opción máis: un Campus tecnolóxico para maiores de 16 anos que se desenvolverá nas instalacións da Aula CeMIT, situada no primeiro andar do Pazo da Cultura. A actividade centrarase no uso das redes sociais. A primeira semana (días 23, 24, 26 e 27 de decembro) traballarán sobre as imaxes en redes sociais: Fai que as imaxes falen por si mesmas. A segunda aprenderán a potenciar os contidos en redes a través do uso axeitado do deseño gráfico. Hai 20 prazas, e os mozos e mozas que teñan interese en participar deberán inscribirse presencialmente do 9 ao 16 de decembro no Fórum Carballo (oficinas municipais - 2º andar).

Ligazóns

Descargas



Galería

Compartir: