Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

O Concello de Carballo pon en marcha o programa “Remocea”, no que poderán participar máis de 1.300 maiores de 60 anos

Aberto o prazo de inscrición para as seguintes actividades: talleres de memoria, manexo de teléfonos móbiles e outras tecnoloxías e actividades lúdico-formativas

Xoves 24 de outubro do 2024 Benestar

Maica Ures, Evencio Ferrero e Mar Eirís presentaron o programa

Maica Ures, Evencio Ferrero e Mar Eirís presentaron o programa

O alcalde, Evencio Ferrero, e as concelleiras de Terceira Idade e Servizos Sociais, Mar Eirís e Maica Ures, respectivamente, presentaron hoxe o programa Remocea, que agrupa as diferentes actividades dirixidas aos veciños e veciñas maiores de 60 anos.

Este colectivo, como indicou Mar Eirís, representa case o 15% da poboación do noso concello, e desde o Concello de Carballo pretendemos traballar “sobre todo no ámbito da prevención, tanto no que se refire á saúde física coma á psíquica e á social”. Nese sentido, engadiu a concelleira de Terceira Idade, a proposta inclúe accións destinadas a “fomentar as relacións sociais, combater a soidade e prolongar a súa vida activa”.

Maica Ures explicou que, ademais de actividades que xa se veñen realizando desde hai anos, como o programa de exercicio físico, que este curso conta con 700 usuarios/as repartidos en 23 grupos, ou os bailes dos domingos, que cada semana reúnen a máis de 200 persoas, este ano arrincan novas iniciativas. O mes pasado puxemos en marcha desde a Concellaría de Innovación unha escola de informática para maiores de 60 anos á que asisten semanalmente, ata o mes de maio, 40 persoas. E o mes que vén comezarán tres novas iniciativas: talleres de estimulación cognitiva, nos que se traballará sobre todo a memoria (de novembro a maio, unha hora á semana); cursos de capacitación tecnolóxica, centrados nos teléfonos móbiles e outros dispositivos actuais (10 horas de duración), e obradoiros lúdico-formativos, que incluirán módulos de saúde e benestar, nutrición, manualidades, etc (de novembro a maio, 1,5 horas á semana).

O prazo de inscrición está aberto ata o día 30, e as persoas interesadas poden anotarse ou ben na casa do concello (información) ou ben nos respectivos centros sociais. Tamén pode descargarse o impreso máis abaixo e envialo cuberto a comunicacion@carballo.gal. Dese o Concello de Carballo agradecemos a colaboración do movemento asociativo na difusión e organización destas actividades. Para cada unha delas está prevista a organización de 10 grupos de 20 persoas cada un. As actividades organizaranse naquelas parroquias nas que haxa máis demanda, e no caso de que haxa máis solicitudes que grupos dispoñibles decidirase por sorteo. Dado que os contratos teñen dous anos de duración, os cursos serán rotatorios, pero en todas as parroquias impartirase cada ano polo menos un deles.

Descargas

Compartir: