Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

1, 2 E 3 DE AGOSTO NA PRAZA DO CONCELLO

Carballo participa nunha campaña especial de doazón de sangue co obxectivo de mellorar as taxas do 2023

O ano pasado realizáronse no noso concello 1.198 doazóns

Luns 29 de xullo do 2024 Benestar

Miguel Vales, Marisa López, Evencio Ferrero e Javier Souto

Miguel Vales, Marisa López, Evencio Ferrero e Javier Souto

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo, en colaboración con Protección Civil, están a promover o desenvolvemento da campaña especial Verán 2024, que achega o solidario xesto da doazón de sangue a toda a xeografía galega. A iniciativa foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa que tivo lugar no consistorio de Carballo e que contou coa presenza da directora da ADOS, Marisa López García; o alcalde deste municipio coruñés, Evencio Ferrero Rodríguez; o concelleiro de Protección Civil e Praias; Miguel Angel Vales Mallo; e do responsable do servizo municipal de Protección Civil de Carballo, Javier Souto.

Desde a ADOS salientouse o sincero agradecemento, tanto ao Concello como a Protección Civil e á veciñanza de Carballo, que efectuaron un total del 1.198 doazóns de sangue durante o ano 2023, o que represente unha taxa de 38 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, tres puntos máis que no ano anterior.

Así mesmo, a directora da Axencia amosou o agradecemento ao concello de Carballo polo seu decidido e constante apoio ás iniciativas destinadas a promover o solidario xesto da doazón de sangue, tanto nesta campaña “Verán 2024”, como no resto de visitas das unidades móbiles de ADOS desenvolvidas durante todo o ano. Así mesmo, desde a Axencia fíxose extensivo este recoñecemento a todos os membros de Protección Civil de Carballo pola súa longa traxectoria de compromiso e altruísmo coas iniciativas destinadas a promover o solidario xesto da doazón de sangue.

Campaña na Praza do Concello

A unidade móbil de ADOS estará na Praza do Concello de Carballo o xoves 1 e venres 2 de agosto, das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas, así como o sábado 3 de agosto, das 10:00 ás 15:00 horas, para poder atender a todas as persoas que desexen participar nesta campaña en colaboración co Concello e Protección Civil de Carballo. ADOS lembra que para doar sangue, debemos ser maiores de idade, pesar máis de 50 quilos e non padecer ou ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

O Concello, Protección Civil de Carballo e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue promoverán a colaboración da veciñanza nas campañas de doazón de sangue, durante a presente semana, para asegurar o sostemento do intenso labor asistencial dos centros hospitalarios galegos, que necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias.

As temporadas de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden cos períodos das vacacións estivais. Por esa razón, desenvólvense accións informativas cos concellos, para tentar garantir unha resposta adecuada co obxecto de cubrir a demanda de compoñentes sanguíneos que necesitan os hospitais galegos. Nesta campaña “Verán 2024” encádrase a colaboración que levará en Carballo unha unidade móbil de ADOS na presente semana.

Vídeos

Compartir: