Os campamentos tecnolóxicos do proxecto CRI-TIC adiántanse para atender todas as solicitudes presentadas
As actividades para rapazada e mocidade continuarán este venres co Verán de Lecer Consumo, que inclúe xogos para todas as idades
Martes 23 de xullo do 2024 Benestar
Despois do campus urbano xuvenil da semana pasada, na que xuntamos a unha vintena de adolescentes de 12 a 16 anos para gozar do seu tempo de lecer dun xeito creativo e ameno, esta semana arrincaron os campamentos do proxecto CRI-TIC, organizados pola Fundación Esplai coa colaboración das concellarías de Servizos Sociais, Educación e Mocidade para mellorar as competencias dixitais da rapazada carballesa.
Inicialmente estaba previsto que comezasen o día 30 con dous grupos, pero, para poder atender todas as solicitudes presentadas, adiantouse o inicio á xornada de onte e fixéronse tres grupos. Deste xeito, os campamentos de competencias dixitais realízanse de luns a venres, desde o 22 de xullo ata o 21 de agosto, desde as 09.30 ata as 14.00 horas, con sesións de hora e media por grupo.
A actividade desenvólvese na renovada Aula Cemit, no Pazo da Cultura, dotada cos medios tecnolóxicos precisos para fomentar a aprendizaxe, a través do xogo, para usar a tecnoloxía de xeito responsable e consciente, previr as adiccións ás novas tecnoloxías, identificar e previr o acoso a través da rede, introducilos/as á intelixencia artificial ou na robótica educativa, entre outros moitos contidos.
Verán de lecer consumo
Pero as actividades para rapazada e mocidade seguen adiante, e para este venres temos programado o Verán de lecer consumo, outra proposta moi chula na que contamos coa colaboración do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC) e que constará de distintas opcións en función da idade dos/as participantes:
- Xogueteando: un lecer diferente (de 10.30 a 11.30 horas). Vai destinada a nenos/as de 3 a 6 anos de idade, e consistirá na narración dun conto animado para promover un consumo responsable e un lecer activo, traballando ademais os xoguetes seguros e sen riscos. Cada un dos nenos/as participantes fabricará a súa propia bolboreta, que é unha das protagonistas do conto.
- A xincana do consumo responsable (de 10.30 a 11.30 horas). Nesta actividade, dirixida a nenos/as de 7 a 12 anos, realizarase unha xincana na que os grupos terán que superar diferentes probas nas que se traballan cuestións relacionadas co consumo responsable. Finalizará co deseño e realización dun cartel sobre o consumo responsable e sostible.
- O mercadoiro (de 11.30 a 12.30 horas). Para a rapazada de 13 e 14 anos haberá outra actividade moi chula: a elaboración dun mercado con produtos de consumo cotián, cada un co seu correspondente prezo. Cada participante recibirá unha serie de moedas ficticias, que terá que intercambiar polos produtos que crea necesarios para o seu consumo nun tempo establecido. Finalmente compararase a compra que fixo cada participante, para saber a prioridade dos produtos en cada caso.
- A fábrica dos contidos (de 11.30 a 12.30 horas). Para o grupo de idade de 15 a 17 anos proponse outro xogo: en primeiro lugar dividiranse aos participante en equipos, os cales terán que deseñar un produto que lles axude na súa vida cotián ou que non exista no mercado, para posteriormente, presentalo ao resto de grupos mediante a elaboración dun pequeno anuncio. Finalmente os produtos serán poxados entre todos os grupos para saber cal sería o prezo ideal segundo a súa utilidade e calidade.
- Charla participativa Reclama-Acción (de 12.30 a 13.30 horas). Na última actividade da xornada, destinada a todas as persoas maiores de 18 anos interesadas no tema, abordaranse, dun xeito participativo, aberto e dinámico, os dereitos das persoas consumidoras e usuarias, especialmente no verán. Comezarase cunha pequena exposición sobre os nosos dereitos básicos como persoas consumidoras, para, posteriormente, poñer en practica a defensa de ditos dereitos mediante exemplos de reclamacións reais que se resolverán de maneira conxunta