A comunidade senegalesa en Carballo expón ao goberno municipal os problemas para alugar vivendas
A Concellaría de Servizos Sociais traballa na posta en marcha de medidas como a bolsa municipal de alugueiro ante o aumento das dificultades de acceso á vivenda para determinados colectivos
Sábado 2 de decembro do 2023 Benestar
A comunidade senegalesa en Carballo está formada por 170 persoas, algunhas das cales levan máis de 15 anos vivindo no noso concello, onde traballan e están asentadas as súas familias. Aseguran que “Carballo é o mellor sitio do mundo para vivir” e por iso apostaron por crear aquí os seus fogares, pero nos últimos tempos atópanse con moitas dificultades para acceder a unha vivenda.
Aínda que se declaran conscientes da existencia dun problema xeneralizado de falta de vivenda en réxime de alugueiro, no seu caso as trabas son aínda maiores como consecuencia da discriminación racial.
Representantes da comunidade senegalesa mantiveron unha xuntanza co alcalde, Evencio Ferrero, e coa concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, para expoñerlles os problemas concretos aos que se están enfrontando á hora de acceder a unha vivenda, e que, aseguran, nos últimos tempos van a máis.
Alcalde e concelleira ofreceron toda a colaboración do Concello de Carballo para intentar buscar unha solución ao problema das familias senegalesas. Pero, ademais de atender este caso concreto, que non responde a unha situación de falta de recursos económicos, desde a Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade estase a traballar en medidas como a reactivación da bolsa municipal de alugueiro como un xeito de incentivar a ocupación da alta porcentaxe de vivendas baleiras que existen no noso concello. Deste xeito, desde o Concello ofreceranse todas as garantías aos propietarios e facilitarase o acceso a unha vivenda a familias que a precisen.