Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

Clausurados os cursos de memoria organizados polas áreas de Benestar e Terceira Idade en nove parroquias

Os talleres foron impartidos por Afaber durante os últimos oito meses

Venres 2 de xuño do 2023 Benestar

A clausura dos cursos de memoria organizados polas áreas de Benestar e Terceira Idade do Concello de Carballo e impartidos por Afaber encheu o salón de actos do Pazo da Cultura con veciños e veciñas maiores de 60 anos chegados dende a práctica totalidade das parroquias para recoller os seus diplomas. O acto reuniu á maioría dos case 150 participantes, que se repartiron entre as parroquias de Lema, Noicela, Razo, Sofán, Verdillo, Sísamo, Ardaña e Carballo.

O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Benestar, Maica Ures, e o presidente de Afaber, Jesús Villar, fixéronlles entrega dos diplomas e animáronos a seguir exercitando a mente, “porque moitas veces nos esquecemos de que, ademais do exercicio físico, é moi importante a ximnasia mental”, díxolles a concelleira.

Os cursos, que forman parte do programa municipal de envellecemento activo, viñeron celebrándose dende o mes de outubro nos distintos centros sociais. Neste curso tamén se levaron a cabo talleres para aprender a usar o teléfono móbil, neste caso impartidos pola Cruz Vermella; o programa de exercicio físico promovido polas áreas de Deporte e Terceira Idade, e outras actividades orientadas á dinamización dos centros sociais, como o programa Actívate, bailes para maiores ou teatro.

No concello de Carballo hai máis de 11.000 persoas maiores de 60 anos, que representan aproximadamente o 35% da poboación. Mellorar a calidade de vida deste colectivo e fomentar o envellecemento activo durante o maior tempo posible é o gran obxectivo das iniciativas que estamos a promover.

Compartir: