O alumnado de cociña do obradoiro Fórum Dual colabora con APEM con dous menús semanais para cinco usuarios/as
Mércores 31 de maio do 2023 Benestar
Ademais das degustacións que ven realizando dende marzo no mercado municipal, o alumnado de cociña do obradoiro de emprego Fórum Dual empezou esta semana a súa formación práctica noutro ámbito de actuación de carácter social. Deste xeito, coa colaboración da Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), os alumnos e alumnas encargaranse da elaboración de dous menús semanais (luns e mércores) para cinco usuarios e usuarias da entidade que non teñen acceso a outro tipo de servizos (Xantar na Casa, etc).
O menú de hoxe incluíu ensalada mixta, fritura de pescada e torrada, pero o obxectivo é ofrecer cada día pratos diferentes, adaptados ás necesidades de cada persoa usuaria. Nestes cinco casos, ao non existir ningún tipo de intolerancias, o abano de posibilidades será moi amplo. Os menús da semana que vén, de feito, incluirán croquetas de bacallau, polo asado con patacas e leite frito, o luns, e xudías con chourizo, calamares con patacas e bolos de vento con crema, o mércores.
A semana que vén o alumnado de cociña tamén volverá á praza de abastos, coincidindo co mercado do xoves, para seguir amosando as numerosísimas posibilidades gastronómicas que ofrecen os produtos que proximidade que se venden nos postos do mercado.
A formación en alternancia é un apartado clave dentro do proxecto do obradoiro dual de emprego que organiza a Concellaría de Innovación, Formación e Emprego e financia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Un total de 20 persoas iniciaron a súa formación o pasado mes de outubro, 10 na especialidade de cociña e outras 10 na de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.