PRAZAS ESGOTADAS
“As mulleres teñen a palabra”, unha iniciativa para celebrar en familia, con mesa redonda, sesión vermú e zona infantil
As concellarías de Innovación e Igualdade reunirán o día 5 no Fórum Carballo a Verónica Bolón, Patricia Iglesias, Catú Vilariño e Mercedes Fraga
Sábado 25 de febreiro do 2023 Benestar
As mulleres teñen a palabra este 5 de marzo. As concellarías de Innovación e Igualdade suman esforzos para que os actos conmemorativos do Día da Muller comecen cunha celebración na que terán cabida todos os membros da familia, porque mentres os adultos participan na interesantísima mesa redonda que temos preparada ou na sesión vermú, a rapazada estará moi ben atendida polos monitores da área infantil que poremos ao seu servizo, con xogos, talleres, música e moita diversión.
O obxectivo desta xornada pioneira, que se celebra no camiño entre o Día da Nena e a Muller na Ciencia e o Día Internacional da Muller, é amosarnos que na nosa contorna máis inmediata hai mulleres que son referentes nas súas profesións, e que, malia as dificultades, é posible traballar e trunfar en sectores masculinizados e, ademais, conciliar as vidas laboral e persoal.
Coñeceremos as experiencias e as opinións de catro carballesas con perfís moi diferentes pero que teñen en común, á parte das súas raíces, que todas teñen responsabilidades en postos de ocupados maioritariamente por homes:
- Verónica Bolón Canedo, enxeñeira en Informática, diplomada en Estudos Avanzados e Doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora titular do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información. A súa investigación céntrase nos métodos de aprendizaxe automática dentro do campo da Intelixencia Artificial (IA). É académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Químicas, coordinadora do proxecto Inspira STEAM para fomentar a vocación científico-tecnolóxica entre as nenas e moitas cousas máis que nos contará o domingo.
- María Jesús Vilariño Díaz, Catú, como a coñece todo o mundo en Carballo. Actualmente é a xefa do parque comarcal de bombeiros, pero sempre foi pioneira: foi a única muller entre máis de cen alumnos dun curso de mecánica no Centro Municipal de Formación de Carballo, condutora de ambulancia e de transporte de mercadorías perigosas, unha das primeiras bombeiras de Galicia e a primeira cabo dun parque de bombeiros.
- Patricia Iglesias Rey defínese coma nai, feminista, xurista, con gran vocación de servizo público e amiga dos amigos. Exerce como letrada da Xunta de Galicia desde xaneiro 2005 en distintos postos de responsabilidade. En maio de 2019 foi nomeada Letrada Maior da asesoría xurídica do Consello de Contas de Galicia e en novembro do 2021, corresponsable de integridade e compliance do Órgano de Control Externo galego. É asesora xurídica da Comisión Técnica de Prevención da Corrupción do Consello de Contas, e coordinadora galega da Asociación de Mulleres no Sector Público, entre outras moitas facetas que tamén descubriremos o día 5.
- Mercedes Fraga Rey será a voz da empresa decana de Carballo, Herfraga, fundada en 1930 polo seu avó. A terceira xeración da familia é maioritariamente feminina, e polo tanto tamén a terceira xeración da empresa, xa que Herfraga segue sendo unha empresa familiar. Hoxe en día é un referente a nivel internacional na fabricación e reparación de maquinaria industrial, levando o nome de Carballo por todo o mundo. No último ano, Mercedes e a súa familia tiveron que asumir dous importantes retos: o traslado da fábrica dende o centro urbano ao polígono industrial de Bértoa, onde poderá seguir medrando, e a crise mundial de subministros.
A xornada comezará ás 12.00 e celebrarase na Escola de Hostalaría do Fórum Carballo. ESGOTADAS AS PRAZAS!
Sesión vermú e ludoteca
Despois da mesa redonda celebrarase unha sesión vermú, na que se servirá un aperitivo e na que contaremos coa actuación do dúo Black Acoustic, que no seu espectáculo Voces de muller fai un percorrido polos grandes temas da música soul intepretados por mulleres como Aretha Franklin, Nina Simone ou Beyoncé.
Ademais, para facilitar a asistencia de toda a familia, dende as 12.00 ata as 15.00 horas funcionará un servizo de ludoteca onde a rapazada estará atendida por monitores e poderá participar en xogos cooperativos, deportivos e musicais, e talleres. Para os máis peques haberá un recuncho baby que inclúe zona de lectura, xogos populares e pinta e colorea.
Na inscrición para participar na xornada deberá indicarse o número de persoas asistentes e, no caso dos/as nenos/as, as súas idades.