Carballo colabora na visibilización do emprego das persoas con discapacidade a través dunha exposición fotográfica
Evencio Ferrero a deputada provincial Ana Lamas e o presidente de Cegasal inauguraron a mostra
Martes 7 de febreiro do 2023 Benestar
Imaxe do acto inaugural
Visibilizar o emprego entre as persoas con discapacidade é o primeiro paso para normalizar unha situación que é máis frecuente do que moitos pensan, pero que segue sendo un reto para moitas persoas que non atopan cabida no mercado laboral ordinario, ben polas súas “capacidades diferentes” ou ben polos receos que espertan nos seus empregadores.
Un dos xeitos de contribuír a esa normalización é a exposición Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas, inaugurada este mediodía no Pazo da Cultura coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero; a deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas; o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez, e representantes de centros de emprego con presenza na nosa contorna.
A mostra pretende contribuír a darlles voz aos traballadores con discapacidade que atoparon nos centros especiais de emprego o mellor escenario para desenvolverse profesionalmente. E nada mellor que a través das imaxes captadas polo fotógrafo coruñés Diego Silva, quen ao longo de dous anos e medio desprazouse a unha decena de centros para plasmar a actividade destas persoas no seu quefacer diario en empresas de xardinería, téxtil, xoiería, oficinas ou reciclaxe.
Cegasal celebrou no 2022 o 25º aniversario da súa fundación, e neste tempo conseguiu importantes logros, tanto sociais como laborais. Na actualidade os 32 centros especiais de emprego que representa facturan no seu conxunto máis de 44 millóns de euros e empregan a 2.156 persoas con algunha discapacidade. O obxectivo para os próximos anos é xerar 400 postos de traballo máis e promover a creación de máis centros de emprego sen ánimo de lucro. “O noso obxectivo é que todos os concellos da provincia da Coruña teñan polo menos un contrato reservado a centros especiais de emprego”, sinalou José Antonio Vázquez.
Un concello exemplar
A mostra pode visitarse ata o día 26 no Pazo da Cultura
O presidente de Cegasal puxo a Carballo como exemplo de compromiso, xa que foi un concello pioneiro na contratación reservada a centros especiais de emprego, antes mesmo de que así o establecese a lei. Nese sentido, José Antonio Vázquez amosou o seu agradecemento e lembrou os galardóns outorgados tanto ao Concello coma ao seu alcalde, Evencio Ferrero, “pola súa colaboración e contribución ao emprego das persoas con discapacidade”.
Evencio Ferrero: "As sociedades son máis sólidas cando todas as persoas teñen a oportunidade de demostrar as súas capacidades"
Ana Lamas expresou a satisfacción da Deputación da Coruña por poder colaborar na divulgación do “traballo imprescindible” que se realiza dende Cegasal, e amosou o seu desexo de que a exposición contribúa a visibilizalo.
Evencio Ferrero, en alusión a ese papel pioneiro que desenvolveu o Concello de Carballo ao adxudicar no ano 2004 a limpeza viaria a un centro especial de emprego, apuntou que ese primeiro paso serviu para visibilizar e demostrar “que hai que fomentar a integración social, e as sociedades son máis sólidas cando todas as persoas teñen a oportunidade de demostrar as súas capacidades”.