Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

Un total de 150 persoas participan nos obradoiros de memoria que se celebran en nove parroquias do concello

A iniciativa forma parte do programa municipal de envellecemento activo, que tamén inclúe cursos para mellorar o manexo dos teléfonos móbiles

Xoves 1 de decembro do 2022 Benestar

O obradoiro de memoria en Cances comezou a semana pasada

O obradoiro de memoria en Cances comezou a semana pasada

Coa posta en marcha do último obradoiro, que finalmente se celebra en Cances, xa son 150 as persoas que participan nos cursos de memoria organizados polas concellarías de Benestar e Terceira Idade en nove parroquias do concello: Lema, Noicela, Razo, Sofán, Verdillo, Sísamo, Ardaña e Carballo, ademais de Cances.

A actividade, que se prolongará ata o mes de maio, forma parte do programa municipal de envellecemento activo, que inclúe dúas sesións semanais de ximnasia para vinte grupos de participantes repartidos por 12 parroquias, baile todos os domingos e actividades para estimular a mente. E para estas últimas contamos coa participación de dúas entidades sociais do concello: Afaber (Asociación de familiares de persoas enfermas de alzheimer de Bergantiños), que imparte os obradoiros de memoria, e a Cruz Vermella de Carballo, que se encarga dos cursos para mellorar o manexo dos teléfonos móbiles.

O presidente de Afaber, Jesús Villar, e a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, realizaron unha rolda de visitas a todos os centros sociais, e animaron ás persoas que asisten aos cursos a aproveitar as ferramentas que se lles ofrecen para estimular a mente e retardar o avance dalgunhas das patoloxías máis comúns na terceira idade, porque, como sempre di Maica Ures, “tan importante como coidar a saúde física é coidar a saúde mental”.

No concello de Carballo hai máis de 11.000 persoas maiores de 60 anos, que representan aproximadamente o 35% da poboación. Mellorar a calidade de vida deste colectivo e fomentar o envellecemento activo durante o maior tempo posible é o gran obxectivo das iniciativas que vimos promovendo, e que ampliamos aínda máis despois da pandemia para axudar ás persoas maiores a recuperar pouco a pouco a súa actividade e as relacións sociais.

O alcalde, a concelleira Mar Eirís e o concelleiro Luis Lamas, en Bértoa

O alcalde, a concelleira Mar Eirís e o concelleiro Luis Lamas, en Bértoa

Nesa liña enmárcanse tamén os exitosos cursos para aprender a manexar os smartphones, nos que levan participado xa máis de 300 persoas. O día 29 de novembro rematou un taller en Cances e hoxe conclúe o de Bértoa, pero xa temos en marcha o último deste ano, que se celebrará os días 14, 15 e 20 de decembro no centro social de Artes. E despois do Nadal arrincará en Carballo o primeiro obradoiro do ano 2023.

As persoas interesadas aínda poden anotarse: na sede da Cruz Vermella de Carballo, na Biblioteca Rego da Balsa, enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal e, no caso de Artes, tamén poñéndose en contacto cos membros do consello parroquial.

Compartir: