Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

A corporación municipal adxudicará o contrato do servizo externo de axuda no fogar por 1,8 millóns de euros ao ano

O número de persoas usuarias do SAF duplicouse nos últimos cinco anos

Venres 25 de novembro do 2022 Benestar

A corporación municipal aprobará no pleno ordinario de novembro a adxudicación do servizo externo de axuda no fogar por un máximo de 1,8 millóns de euros ao ano. Unha vez analizadas e valoradas as ofertas das sete empresas licitadoras, o servizo será contratado coa Fundación para el estudio y la promoción de la acción social (Fepas) por un período inicial de dous anos, prorrogable ata un máximo de catro. O orzamento para o total dos catro anos supera os 8 millóns de euros, e precisamente por esa elevada contía a adxudicación correspóndelle ao pleno.

Aínda que a cifra récord acadouse no ano 2020, cun total de 381 persoas atendidas, o número de usuarios e usuarias vai claramente en aumento. Nestes momentos sitúase preto dos 300, máis do dobre que hai cinco anos. Proba dese incremento é que o anterior contrato foi adxudicado en novembro de 2017 por 2,6 millóns de euros para un período de catro anos.

A concesionaria cubrirá todos os servizos que non pode asumir o persoal municipal. O Concello de Carballo conta cun equipo de 11 auxiliares, pero para prestar a atención precisa a todos os usuarios e usuarias son precisas entre 65 e 70 profesionais máis, que son as que deberá aportar a empresa.

A atención á dependencia é unha prioridade para o Concello de Carballo, e por iso dende a área de Igualdade e Benestar préstase especial importante ao servizo de axuda no fogar, que, como explica a concelleira Maica Ures, “ten a particularidade de que calquera ausencia, aínda que sexa só dunha hora, ten que ser cuberta, o que require unha organización previa e, por suposto, supón un incremento no custo do servizo”.

Segundo a oferta de Fepas, cada hora de atención a persoas dependentes custará 21,61 euros, de luns a sábado, e 24,08, os domingos e festivos; en tanto que a hora de libre concorrencia custará 20,42 euros, de luns a sábado. A esas cantidades hai que engadirlles o IVE correspondente. Segundo explicou hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, a Xunta de Galicia achega un máximo de 13 euros/hora por persoa dependente, polo que o resto do servizo debe ser asumido polo Concello de Carballo e, en función dos seus ingresos, polas persoas usuarias.

A empresa tamén terá que prestar unha serie de horas de servizos de fisioterapia, podoloxía ou peiteado, entre outros, ademais de achegar distintas axudas técnicas.

A finalidade do SAF é mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos seus domicilios e requiren algún tipo de apoio para a realización das tarefas cotiás, facendo posible deste xeito que permanezan na súa contorna, potenciando a súa autonomía, mellorando as redes de relación familiar e social e previndo situacións de exclusión social.

Moción de apoio ás traballadoras

No pleno do luns tamén se abordará unha moción presentada polo PSOE a raíz da intervención realizada na sesión anterior por unha portavoz das traballadoras do sector privado de axuda no fogar, que o 2 de novembro iniciaron unha folga en toda Galicia en demanda dunha mellora das súas condicións laborais. O alcalde anunciou o apoio á iniciativa e lamentou que non sexa unha proposta conxunta de todos os grupos.

Compartir: