ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN ATA O 14 DE OUTUBRO
O programa de exercicio físico para maiores arrincará o 24 de outubro con máis de vinte grupos repartidos por 12 parroquias
O Concello de Carballo ten en marcha nestes momentos varios programas formativos e de ocio destinados ás persoas maiores
Venres 30 de setembro do 2022 Benestar
O Concello de Carballo retoma en outubro o programa de exercicio físico para maiores, dirixido a persoas de 65 anos en diante que queiran desenvolver un estilo de vida activo e saudable. As sesións arrincarán o día 24 nos centros sociais de Sofán, Verdillo, Cances, Entrecruces, Imende (Noicela) e antiga escola de Noicela, Razo, Ramil e Outón (Rus), Artes, Sísamo, Ardaña e Lema, ademais do pavillón Vila de Noia de Carballo.
As persoas que participaban con anterioridade no programa deberán renovar a súa inscrición, ao tempo que se abre a matrícula para novos/as participantes. En ámbolos dous casos o prazo está aberto ata o 14 de outubro. Os impresos de renovación ou alta están dispoñibles nas oficinas de Carballo Deporte.
O programa de exercicio físico pretende fomentar estilos de vida activos e saudables, mellorar a calidade de vida da poboación maior a través da actividade física e da inserción social, ademais de influír positivamente no proceso de envellecemento axudando ás persoas participantes a manter un nivel suficiente de capacidade funcional, a reducir o risco de padecer doenzas cardiovasculares e osteoarticulares e a mellorar a súa seguridade.
Outras actividades
Esta actividade, organizada polas concellarías de Terceira Idade e Deporte, forma parte dun amplo programa de iniciativas formativas e de ocio dirixidas ás persoas maiores. Mañá arrincará tamén a temporada de bailes para maiores, cunha primeira quenda de sesións con música en directo nos centros sociais de Ardaña (1 de outubro), Imende-Noicela (8 de outubro), Oza (15 de outubro), Cances (22 de outubro), Bértoa (29 de outubro), Verdillo (5 de novembro) e Sofán (12 de novembro), antes de que arrinquen as sesións semanais no Pazo da Cultura de Carballo.
Tamén continúan a desenvolverse os cursos para facilitar ás persoas maiores o uso dos teléfonos móbiles intelixentes. Xa se levan celebrado este ano cursos en Sofán, Lema e Imende (Noicela), e nestes momentos está a desenvolverse un na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. As persoas interesadas poden anotarse ou ben a través das asociacións de cada parroquia, na Biblioteca Rego da Balsa ou en www.carballo.gal, cubrindo o formulario ao que se accede dende o banner superior da portada. Neste caso seguirán organizándose cursos de maneira continuada en todas aquelas parroquias nas que exista demanda.
Entre outras actividades, en outubro tamén está previsto poñer en marcha por parte da Concellaría de Igualdade e Benestar cursos de memoria en varias parroquias, xa que se trata dunha das actividades máis demandadas polas persoas maiores.