Chega a Carballo a exposición itinerante “50 anos cambiando a historia do cancro”
A mostra pode visitarse ata o día 16 nun dos postos exteriores do Mercado Municipal de Abastos
Martes 30 de agosto do 2022 Benestar
A xunta directiva da AECC, coa investigadora e o alcalde
A planta alta do Mercado Municipal acollerá do 1 ao 16 de setembro a exposición 50 anos cambiando a historia do cancro, unha iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro que recolle os fitos máis relevantes do último medio século de investigación que contribuíron a lograr grandes avances no diagnóstico e no tratamento do cancro.
A inauguración da mostra realizarase o día 1, ás 19.00 horas, cunha conferencia de Andrea Rodríguez, investigadora predoctoral da Asociación Española contra o Cancro na Coruña e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic). No acto, de asistencia libre, participarán representantes da Xunta Local da AECC e do Concello de Carballo, que colabora coa entidade para o desenvolvemento desta iniciativa. A exposición estará situada na planta baixa do mercado, nun local de acceso directo dende a rúa Cervantes.
Dende a creación da Fundación Científica da Asociación Española contra o Cancro, no ano 1971, foi posible dar resposta a numerosos retos que foi presentando a enfermidade. Na actualidade, a AECC é a entidade social privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 92 millóns de euros en 525 proxectos vivos nos que traballaron e traballan un milleiro de investigadores/as.
O reto agora é conseguir un Plan Nacional de Investigación en Cancro que contribúa a seguir mellorando os índices de supervivencia das persoas que padecen a enfermidade para acadar o 70% no ano 2030, pero tamén que promova a igualdade de acceso aos resultados en investigación a todas as persoas.
A Asociación Española Contra o Cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 69 anos. Dedica os seus esforzos a mostrar a realidade do cancro, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe do cancro integral e multidisciplinar. Pero tamén estar a carón das persoas, polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade, e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica.
Carballo é unha das 2.000 localidades españolas nas que ten presenza a AECC. As persoas interesadas en colaborar poden achegarse ao local cedido polo Concello de Carballo á entidade no Mercado Municipal, que atoparedes aberto todos os xoves pola mañá.