Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

O Concello e Protección Civil súmanse á campaña de ADOS "Tres millóns de grazas" co obxectivo de superar as 959 doazóns do ano 2021

Carlos Areal, de ADOS, e Evencio Ferrero presentaron a campaña especial que se desenvolverá do 4 ao 6 de agosto

Martes 26 de xullo do 2022 Benestar

Carlos Areal e Evencio Ferrero

Carlos Areal e Evencio Ferrero

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo, en colaboración con Protección Civil, están a promover o desenvolvemento da campaña especial “Tres millóns de grazas”, que achega o solidario xesto da doazón de sangue a toda a xeografía galega. A iniciativa foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa que tivo lugar na Casa do Concello e que contou coa presenza do  alcalde, Evencio Ferrero, e do xefe do área de sangue e compoñentes sanguíneos de ADOS, Carlos Areal Méndez.

Dende ADOS salientouse o seu máis sincero agradecemento tanto á corporación municipal como a Protección Civil e aos veciños e veciñas de Carballo que efectuaron un total de 959 doazóns de sangue ao longo do 2021, o que representa unha taxa de 31 doazóns de sangue por cada mil habitantes e ano, nun período tamén condicionado polas circunstancias da pandemia da COVID-19.

O Concello, Protección Civil de Carballo e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue promoverán a colaboración da veciñanza nas campañas de doazón de sangue, durante os días 4, 5 e 6 de agosto, para asegurar o gran labor asistencial  dos centros hospitalarios galegos, que necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias. Unha das novidades é que en agosto desaparecerá o sistema de cita previa e recuperarase o sistema de funcionamento das unidades móbiles anterior á pandemia.

As  temporadas de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden cos períodos das vacacións estivais. Por esa razón, desenvólvense accións informativas cos concellos, para tentar garantir unha resposta adecuada  co  obxecto de cubrir a demanda de compoñentes sanguíneos que necesitan os hospitais galegos. Nesta campaña “Tres millóns de grazas” encádrase a colaboración que levará en Carballo unha unidade móbil de ADOS na próxima semana.

A unidade móbil de ADOS estará na Praza do Concello de Carballo os días 4 e 5 de agosto das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas, así como o sábado 6 de agosto das 10:00 ás 15:00 horas, para poder atender a todas as persoas que desexen participar nesta campaña en colaboración  coa corporación municipal e Protección Civil de Carballo, coa que se está a distribuír información entre  a veciñanza destinada a promover e incentivar a participación neste acto solidario, así emitir unha megafonía para incentivar a participación. ADOS lembra que para doar sangue, debemos ser maiores de idade, pesar máis de 50 quilos e non padecer ou ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

A evolución das campañas de doazón de sangue no pasado ano 2021 tamén estivo condicionada polos efectos das medidas para frear a pandemia da COVID-19. Pero aínda así, no conxunto da comarca de Bergantiños houbo un ascenso de  dous puntos no índice de doazón por cada 1.000 habitantes e ano.

Compartir: