Aprobadas todas as solicitudes de subvención presentadas por entidades que desenvolven accións no eido dos servizos sociais
O Concello de Carballo financia cun total de 60.000 euros programas formativos, de sensibilización social e gastos de mantemento das asociacións
Mércores 21 de xullo do 2021 Benestar
Catorce entidades recibirán este ano as subvencións destinadas a asociacións sen ánimo de lucro que traballan no eido dos servizos sociais no noso concello. Todas as peticións foron aprobadas. O importe correspondente a cada colectivo varía en función da cantidade solicitada e da puntuación acadada, en función dos criterios establecidos nas bases da convocatoria. A contía total acada os 60.000 euros, que se distribúen do seguinte xeito:
- Aspaber: 6.786 euros (96,94% do importe solicitado) para o mantemento da entidade.
- Asociación Antidroga Vieiro: 6.786 euros (86,77% do solicitado) para o programa “Quéreme ben”.
- Cruz Vermella Carballo: 4.500 euros (100% do solicitado) para o Espazo de busca activa de emprego.
- Cáritas Interparroquial de Bergantiños: 5.655 euros (56,55% do solicitado) para o servizo de atención primaria.
- Alcer: 1.872,5 euros (89,16% do solicitado) para o programa Alcer 7 vidas.
- Aloumiños: 4.147 euros (55,29% do solicitado) para o programa de actividades do 2021.
- Fundación Amigos de Galicia: 3.770 euros (47,12% do solicitado) para o plan de cobertura de necesidades básicas ás persoas con domicilio en Carballo en situación de carencia e/ou limitación de recursos económicos.
- Íntegro: 3.727,5 euros (93,18% do solicitado) para as campañas de visibilización da diversidade.
- Centro Social San Xoán Bautista: 4.901 euros (61,26% do solicitado) para o “Programa de formación laboral e apoio educativo para a inclusión social, laboral e escolar de nenos, adolescentes, mocidade e adultos”.
- Fundación Érguete-Integración: 1.668 euros (100% do solicitado) para orientación laboral e xestión de competencias.
- APEM: 5.278 euros (65,97% do solicitado) para a alfabetización dixital de persoas con enfermidade mental grave.
- Proxecto Home Galicia: 3.000 euros (100% do solicitado) para o seu programa educativo.
- Afaber: 6.409 euros (80,11% do solicitado) para o mantemento da asociación.
- Asociación Española de Loita contra o Cancro: 1.500 euros (100% do solicitado) para o programa “AECC: estar cerca de ti”.
Á parte das subvencións anuais, dende a Concellaría de Igualdade, Benestar e Sanidade tamén están abertas outras canles de colaboración coas entidades sociais. Nas últimas semanas veñen de aprobarse tamén convenios de colaboración con Cáritas Parroquial de Carballo e Vieiro, no primeiro caso por un importe de 15.000 euros para o mantemento do Centro de Día Fogar de Bergantiños e no segundo, por 6.000 euros para o financiamento dos programas de prevención da exclusión que desenvolve a entidade.