O Concello de Carballo contribúe ao sostemento do Centro de Día Fogar de Bergantiños e dos programas de prevención da exclusión de Vieiro
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión deste luns a concesión dunha subvención de 15.000 euros a Cáritas Parroquial
Mércores 9 de xuño do 2021 Benestar
A sede de Vieiro está situada neste momento no antigo centro de formación da Cristina
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria celebrada este luns a concesión dunha subvención a Cáritas Parroquial de Carballo para colaborar no mantemento do Centro de Día Fogar de Bergantiños. Por segundo ano consecutivo, o Concello de Carballo achegará 15.000 euros, que, segundo as condicións establecidas, poderán destinarse ao financiamento de subministracións e servizos efectuados por provedores do centro, que ten a súa sede na parroquia de Berdillo e que presta atención a un máximo de 15 persoas maiores.
Na sesión anterior da Xunta de Goberno Local tamén se aprobou a renovación do convenio de colaboración coa Asociación Antidroga Vieiro para o co-financiamento dos programas de prevención da exclusión que desenvolve a entidade, para os cales o Concello de Carballo achega 6.000 euros.
Á parte das axudas directas ás entidades que desenvolven o seu labor no ámbito social, e que o ano pasado acadaron os 70.000 euros, o Concello de Carballo convoca anualmente unha liña de subvencións dotada con 60.000 euros. A convocatoria deste ano rematou en xuño, e está pendente a publicación da resolución correspondente. O obxectivo dos programas promovidos dende a Concellaría de Igualdade, Benestar e Sanidade, é o fomento das actividades promovidas por asociacións sen ánimo de lucro e que sexan de interese social por contribuír a facer fronte a condicións de vulnerabilidade, exclusión e pobreza, coa finalidade de conseguir unha sociedade máis xusta e inclusiva para todas as persoas.